Parabéns Marieta!
A nosa alumna Marieta, de 3º da ESO resultou gañadora do 2º accésit no XXII Certame de Poesía “Rosalía de Castro”, organizado pola Fundación Rosalía de Castro e o Corte Inglés.:
ESPELLISMOS
Ollos verdes de primavera,
alma obstinada e firme.
Árbore frondosa, aroma a herba,
que modelaba o teu corpo coma…
coma se fose de cera.
Fixeches sentirme tan libre…
Fixeches volverme tan tolo!
Cabelo dourado de estrelas,
bala de pequeno calibre,
sangue frío percorre as túas veas,
convertendo en veleno o teu rostro,
tornando a túa pel en seca.
A túa morte era tan irreversible…
Caín na conta de que todo era un soño!
Eras só un espellismo da anterior primavera,
da túa alma obstinada e firme,
do teu tacto suave
e o teu olor a herba,
que desprendía o teu corpo,
coma se fose unha vela.
Fixeches sentirme tan libre…
Fixeches volverme tan tolo!
Atrapado na miña mente,
coa imaxe do teu rostro,
neste cárcere de vento e area,
no que encerraches ao marchar
os meus ósos.
– Corpo de fume, ósos de area. –
A INCONSISTENCIA DA VIDA
Fomos espazo baleiro,
Temor polo derradeiro.
Destruímolo todo
ata quedar en cinsas.
Morte venceu á vida.
Sangue inundou a ferida,
chea de medo e de lodo,
Mais libre de ira.
O remedio, a cura
fomos todo o que aínda perdura,
atrapado dalgún modo
entre as túas medias de licra.
Pero todo cambiou nun intre:
Destino, xogando ao despiste
quixo enganarnos de novo,
deixando a nosa pel espida.
Agora, a túa alma de Lúa,
deambula triste pola rúa,
botando en falta cada porto
e cada barco que partía.
E nun momento atemporal,
inconsistente, de cristal,
fomos de distinto polo,
malia non ser quen de gañar a partida.
Dende entón, follas nun escuro outono,
invernos fríos, insonoros,
primavera en tons disoltos,
veráns case sen vida.
Dende entón,
dous cadáveres rotos,
tirados ao carón da vía.
– Que sería dos portos sen os barcos? –