Hoxe, mércores 6 de maio, visitounos a escritora Marica Campo, para ofrecer unha charla-coloquio ao alumnado de 3º e 4º da ESO sobre o papel da muller na historia, especialmente na literatura, achegando coa súa traxectoria persoal un exemplo neste sentido.
Esta actividade encádrase dentro das actividades levadas a cabo no colexio co gallo das Xornadas da Cultura que, como todos os anos, se están a desenvolver nestas datas no noso centro, desta volta ao redor da temática feminina e a historia da muller.
Os rapaces e rapazas achegáronse á autora do libro que xa previamente leran nas aulas, E Xoel aprendeu a voar, e aproveitaron para facerlle chegar algunhas preguntas e inquedanzas que tiñan sobre o libro e sobre a creación literaria en xeral, que a autora non dubidou en responder de grata maneira, recitando tamén algún dos seus poemas.
Co bo sabor da palabra e a lixeira brisa da inspiración, de seguro que máis dun e dunha saíu convencido de que tamén eles poden transmitir a través da literatura, deixando voar a súa imaxinación, como aquel “Merlo Branco” que tan intrigados os tiña no seu libro.