Galén Verde
A ciencia, a tecnoloxía, a comprensión das relacións e o respecto polo contorno van ser as ferramentas que permitirán ao noso alumnado desenvolverse como persoas competentes dentro dunha sociedade cada vez máis complexa e diversa.
O privilexio de dispoñer dun contorno de bosque caducifolio e autóctono, horto, e invernadoiro, inmerso nun contexto rural, e próximo ao Río Miño nunha área catalogada como Reserva da Biosfera, convértennos no escenario idóneo para conseguir ese fin.
Galén é o contexto no que o noso alumnado:
- Goce de aprender desde a acción directa na natureza.
- Xere ilusión para continuar aprendendo.
- Observe o contorno, analizando e comprendendo os procesos naturais sendo parte da realidade.
- Participe do traballo en equipo desde o que cada un é.
- Constrúa coñecemento baseado no Método científico.
- Sexa capaz de tomar decisións, de ter criterio propio, confiando en si mesmos.
- Se prepare para o futuro, desenvolvendo capacidades que lle permitan avanzar seguindo o ritmo científico e tecnolóxico actual.
Medio
As experiencias coa natureza van impregnar todo o proxecto educativo desde Educación infantil ata Bacharelato.
- A Natureza forma parte da aula.
- Moitos dos proxectos resultan da investigación no medio natural.
- Os rapaces e rapazas aprenden mentres viven experiencias reais.
- O xogo libre é o método máis natural de aprendizaxe.
- A aprendizaxe directa entre os iguais.
Proxectos:
● Do horto á mesa e da mesa ao horto
Cada grupo cultiva un produto no horto, recoléctao, elabora un menú para todo o centro e os residuos orgánicos volven o horto a través da compostaxe.
● Meteogalén
O aproveitamento da nosa estación metereolóxica permite que os alumnos teñan unha noción máis concreta dos elementos do clima, que se plasma ao compartilo co resto da Comunidade educativa.
● Charca
A charca de Galén, a través da experimentación e da observación en vivo, permite aos nenos e nenas obter unha completa visión sobre as características, cualidades e formas de vida dos seres vivos que a habitan.
● Bosque
O entorno de Galén favorece o coñecemento e o respecto polo bosque valorando a súa riqueza, observando a súa biodiversidade e investigando as consecuencias dos diferentes impactos ambientais.
● Paisaxe
A ubicación do centro facilita a observación da paisaxe e a avaliación do impacto das persoas sobre o medio, favorecendo ferramentas que permitan cambiar as nosas actitudes cara ao futuro.
Ciencia, Tecnoloxía e Experimentación
En Galén a ciencia é unha forma de percibir o mundo, de pensar criticamente a partir da evidencia; de observar, manipular, experimentar, preguntar, dubidar, propoñer hipóteses, buscando sistematicamente respostas para o que non se entende. É a capacidade de recoñecer o erro, preguntando de novo.
Sostibilidade
Pensando en verde: A República Independente Da Nosa Clase
O principal obxectivo do programa “pensando en verde” consiste en reflexionar acerca das nosas propias actuacións no contorno máis cercano para consensuar democraticamente compromisos e actuacións nos ámbitos da auga, enerxía, consumo responsable e a biodiversidade.
Intervención Social: Somos Cidadáns Do Mundo
En Galén xorde o noso compromiso como cidadáns do mundo, polo que un dos nosos obxectivos será a participación directa nos procesos de intervención social a nivel municipal, autonómico, estatal e internacional que estamos a desenvolver:
Gotas para Nixer, Xoguetes Nadal, Operación Kilo, Tapóns, Comercio Xusto, etc.