Ola familias!
Xa sabedes que no cole sempre estamos a traballar a igualdade de dereitos e deberes entre os nenos e nenas. O 8 de marzo foi un día de gran importancia para nós e así o tentamos transmitir.
Todo o cole colaborou nun mural con fotos dos nenos e nenas coas mulleres da súa vida, así como nun entrañable e fermoso vídeo que de seguro xa vistes.
Nós, en infantil, comezamos xa a semana anterior a reflexionar a través dos contos, que son un recurso marabilloso para axudarlles a entender e valorar neste caso ás mulleres da súa vida e o papel que desempeñan, tanto na súa vida coma no mundo.
Algúns deses contos foron: “Cecilia y el Dragón”, “¿Hay algo más aburrido que una princesa rosa?”, “¿Las princesas usan botas de montaña?”, “Olivia”, “Alfombriña”…
Aos Peixes e Lobos e Lobas resultoulles curioso que falaramos disto, crían que as mulleres sempre puideran facer e ser o que quixeran e contámoslles cal foi o papel da muller ao longo da historia. para que entenderan que non sempre foi así e que aínda hoxe é preciso falar disto.
Así, xurdiron grandes preguntas:
• As mulleres teñen os mesmos dereitos que os homes?
• Poden facer os mesmos traballos?
• Hai cores de nenos e cores de nenas?
• Unha princesa ten que vestir sempre de rosa?
• Que pasa se a que salva á rapaza do malvado dragón é… outra rapaza?
• Todos e todas podemos ser o que queiramos?
• Hai traballos de homes e traballos de mulleres?
• Pode unha princesa xogar ao que queira? E ensuciarse?
Estas e outras cuestións fómolas resolvendo segundo nos foron xurdindo e chegamos ás seguintes conclusións (case todas xa as sabíamos a verdade!)
• Nenos e nenas teñen os mesmos dereitos.
• Cada un de nós pode ser o que queira, sempre.
• Non hai cores de nenos e de nenas, se así fose o mundo sería mooooi aburrido.
• As princesas poden xogar ao que queiran e os príncipes tamén.
• O que dicimos ten a mesma importancia, xa sexamos neno ou nena.
• Mamá e papá teñen os mesmos dereitos e obrigas e axúdanse o un ao outro.
• Só nós podemos cambiar o mundo e facelo máis xusto para todos e todas, comezando por respectarnos.
Logo de todo este traballo de reflexión e posta en común quixemos facer unha pequena homenaxe ás grandes mulleres da nosa vida: nais, avoas, tías… inspirándonos en Andy Warhol e á súa colorida obra coa que gozamos especialmente en infantil.
Agardamos que vos gustara todas as actividades que dende Galén quixemos compartir con vós.
Biquiños mil a todos e moi especiais a TODAS!!!