Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Xadrez educativo na Educación Primaria

O xadrez como deporte é unha ferramenta educacional que se pode utilizar en todo o proceso educativo e sobre todo nos primeiros anos de educación primaria.

É por iso que dende fai xa cinco  anos estamos a impartir esta modalidade deportiva dentro  da aula. Hoxe en día impartimos xadrez educativo dentro do curriculum escolar, unha hora semanal entre 1º de E.P.  e 4º de E.P. Así mesmo, todos e todas as que queiran seguir xogando ou xogar dunha maneira máis intensa, poden facelo a través da nosa actividade extraescolar.

Beneficios do xadrez educativo en primaria

O xadrez educativo pode beneficiar en múltiples aspectos, como poden ser; (vídeo curto)

  1. A nivel social.

Favorece a integración, porque non é importante a idade, nacionalidade ou idioma xa que o xadrez é universal e con el pódese comunicar, a través do xogo, con calquera que estea disposto a xogar.

Axúdanos a coñecer e respectar a calquera persoa, neste caso adversario. Desenvolve a empatía xa que obriga a poñerse no lugar doutro, para coñecer a súa estratexia, as súas fortalezas e as súas debilidades no xogo.

Implica un control emocional e un coñecemento importante das propias emocións, tanto para o xogo como para relacionarse cos adversarios. Isto axúdanos a traballar a autoestima,  a confianza e o respecto non só ao compañeiro se non a un mesmo

Inflúe, directamente, en 5 das 8 intelixencias desenvolvidas polo psicólogo Howard Gardner, estas son;

  • Intelixencia visual- espacial
  • Interpersoal
  • Intrapersoal
  • Lóxica – matemática
  • Lingüística-verbal

Indirectamente e en relación coas anteriores, axuda nas restantes:

  • Intelixencia musical
  • Corporal- cinestésica
  • Naturalista
  1. A nivel competitivo.

Como calquera deporte, fomenta a deportividade e a cortesía,  acatar as normas, respectar as regras, as  quendas, así como innumerables habilidades cognitivas,  capacidade autocrítica, a autoavaliación … a través do xogo

Neste deporte faise moito fincapé na toma de decisións, controlar o primeiro impulso, entender cales son as ideas acertadas, as erróneas, as que mellor nos axudan nunha estratexia . Isto ten moito que ver coa responsabilidade nos propios actos, fundamental para asumir os éxitos e os fracasos.

Cremos firmemente que o xadrez educativo é unha ferramenta psicopedagóxica moi útil coa que formar dunha maneira integral aos nosos alumnos e alumnas.

(Vídeo longo)