Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Nursery School: Lemos e escribimos!!!

Na Nursery School consideramos importante a aprendizaxe compartida entre nenos e nenas de diferentes idades, de diferentes momentos evolutivos. A heteroxeneidade dos grupos é fundamental para que se produza entre eles a maxia do descubrimento. As preguntas duns fan tambalear os coñecementos doutros, ter que explicar a alguén faime revisar a min mesmo que é o que sei ou o que non sei, e a complicidade no proceso de aprendizaxe failles sentir parte protagonista do mesmo.

Por iso, na nosa Nursery School todos os días temos tempo para os Ambientes de Aprendizaxe, onde os nenos e nenas dos tres grupos nos mesturamos e volvemos a agrupar elixindo un dos ambientes ubicados en espazos diferentes en función dos materiais que neles se ofrecen: O ambiente de Letras Máxicas, o de Investigar e Números e o de Xogo Espontáneo.

Queremos amosarvos, como nestes ambientes preparados, a aprendizaxe de forma autónoma, tamén, no que respecta á lectoescritura, é posible. E sobre todo, faise dunha maneira respectuosa co ritmo de cada neno e nena e de maneira significativa e funcional, é dicir, lese e escríbese para dar resposta a unha necesidade, a necesidade da comunicación.

A lectoescritura non é algo que se traballe só ailladamente neste ambiente. De feito, a lectura e a escritura están presentes dende o nacemento dos nosos nenos e nenas, vivimos na era da imaxe e  iso é ler/escribir: decodificar imaxes, símbolos cun significado. Polo tanto, len día a día, segundo a segundo. Na escola imos retomando esa capacidade para descifrar e imos introducindo o noso código. Facelo de maneira significativa, respectuosa e  individualizada é a   clave para que o proceso de ler e escribir sexa pracenteiro e motivador pois  a lectoescritura será a base da maioría das nosas aprendizaxes escolares posteriores.

Os  nosos nenos e nenas de infantil din que  saben ler dende o inicio do cole, e isto é certo pois son quen de descifrar os nomes de todos os compañeiros e compañeiras, len libros uns a outros, xogan a ser profes e imítannos na hora do conto descifrando as imaxes ou repetindo a historia que saben de memoria con entoación,  pausas e aclaracións. XOGAN a ler, e ese é o primeiro paso para acadar o gusto pola lectura.

Coa escritura pasa o mesmo. Primeiro, a un pequeno trazo nun papel lle dan o significado do seu nome, que pouco a pouco van completando coas letras que máis lles chaman  a atención para, en moi pouco tempo conseguir representar as letras, quizais desordenadas, que compoñen o seu nome. Van atopando similitudes entre as súas letras e as doutros compañeiros/as, comparan cales son máis longas, cal  nome ten unha letra rara (Y,  por expemplo) e…. unha chea de observacións e conclusións que van facendo de maneira natural, con admiración e curiosidade, ademais, de preguntas aos adultos que os acompañan que poidan responder a algunha curiosidade concreta que nese momento pasa pola súa cabeciña.

E en todo este BAILE que xorde de forma tan áxil, a actitude dos adultos que acompañamos é fundamental, confiando en que o proceso está en marcha, que é diferente para cada neno e nena, que é parte do xogo de medrar e aprender, que precisa de tempo e espazo e por suposto que se vai enriquecendo cos materiais propostos no ambiente e na aula en xeral.

Aos nenos e nenas da Nursery School encántalles facer listas de palabras, copiar palabras en diferentes tipos de letras, inventar historias, facer a lista do restaurante, xogar cos sons das palabras, escribir con area, plastilina, ler contos, inventalos……..    nun ambiente seguro, no que equivocarse forma parte da aprendizaxe e no que non se sintan xulgados nin freados polo que os demais esperan deles. A confianza que respiran axúdalles a lanzarse a novos retos e a volver a intentalo unha vez máis.

Aqui algunha foto do noso ambiente “Letras Máxicas”:

IMG_20190404_101148