Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Liga de Debate

Nas primeiras dúas semanas do mes de marzo tivo lugar, como ben sendo habitual, a Liga de Debate no noso Centro Educativo, chegando este ano xa á súa novena edición. Ao igual que en anteriores anos, os temas adaptáronse á etapa educativa do alumnado. Deste modo, os alumnos e alumnas do primeiro ciclo da E.S.O defenderon, previo sorteo, a postura favorable ou contraria acerca da pena de morte. Grazas a este asunto os rapaces puideron reflexionar sobre a aplicación dos dereitos humanos en distintos puntos do planeta á vez que coñeceron de preto valores democráticos tales como a solidariedade, a tolerancia ou a xustiza. Neste debate, no que asistiu como público o alumnado de sexto de primaria nun intento de darlles a coñecer as dinámicas da actividade, contamos como xurado con estudantes de cursos superiores, os cales felicitaron aos rapaces participantes pola gran calidade dos argumentos utilizados. Así pois, tras unha deliberación máis longa do habitual, o xurado decidiu que o grupo merecedor da vitoria fora o curso de primeiro da E.S.O.
No tocante ao alumnado pertencente tanto ao segundo ciclo da E.S.O como ao primeiro curso de Bacharelato a temática xirou sobre o principio “maquiavélico” de se o fin xustifica os medios. No caso do debate entre o terceiro e o cuarto curso de secundaria, que se saldou co triunfo do primeiro dos cursos citados, o xurado compuxérono alumnos de segundo de Bacharelato. Pola súa banda, a final entre os dous grupos de primeiro Bacharelato contou cun xurado composto por persoas que, debido a súa traxectoria persoal e profesional, dominan a arte da oratoria e a conseguinte posta en escena da mesma. Ha de salientarse de ambos debates que a dialéctica dos rapaces solventou con creces a dificultade que entrañaba un asunto que lles permitiu comprender principios éticos coincidentes nas distintas culturas actuais.
Podemos concluír, por todo o dito con anterioridade, que un ano máis as expectativas se viron superadas, o cal supón un incentivo para continuar desenvolvendo e mellorando unha actividade a través da que os rapaces aprenden á vez que se divirten.
https://www.facebook.com/GalenCentroEducativo/photos/a.992762730874117.1073741874.190467061103692/992763847540672/?type=3&theater