Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Información a familias, xuño.

Estimadas familias;

Todos os anos son diferentes. O 19/20 arrincou coma un ano ilusionante, atractivo e intenso no que tiñamos intención de celebrar o vinte aniversario da apertura do Centro pero… A partir de mediados de marzo converteuse noutro distinto, que ninguén esperaba nin desexaba mais fixemos por adaptarnos. Non estabamos preparados, a sociedade non estaba preparada, pero asumimos o reto de superar e abordar este momento histórico, que nos deixou sen liberdade e sen a cotidianeidade das nosas vidas, os nosos traballos, a nosa familia. Asumimos esa responsabilidade, e a pesar da dificultade, a falta de previsión, a inexistente experiencia en tales situacións asumimos esta realidade coma un reto. Medramos, evolucionamos, ampliamos a nosa mirada, confirmamos o que xa sabiamos, que a presenza do docente é imprescindible para unha axeitada e plena aprendizaxe do alumno e alumna, pero tamén que a tecnoloxía ofrece facilidades, recursos atractivos e útiles que nos achegan a unha xeración dixitalizada. Agardamos que a vosa valoración sexa positiva, que conseguiramos darvos a resposta máis axeitada a esta situación. Nós pola nosa parte seguiremos a traballar, indagar. Ante a incerteza do vindeiro curso seguiremos a traballar e indagar, autoavaliándonos, reinventándonos para progresar e superarnos, e ofrecervos coma sempre o mellor de nós.

Sentímonos moi agradecidos e afortunados, traballamos cun alumnado comprometido coa súa aprendizaxe, conectado, que mantivo as súas rutinas escolares a pesar da gran dificultade do contexto e realidade. Sentímonos orgullosos de todas elas, de todas eles. Sentímonos moi agradecidos e afortunados tamén polas súas familias, por vós. Polo sobreesforzo que esta situación supuxo, polo voso compromiso e colaboración co centro, pola vosa implicación, consideración. Non queriamos deixar pasar a oportunidade de amosarvos a nosa gratitude, o noso sincero sentimento. Sentímosvos moi preto, sentímonos equipo.

Durante este inusual trimestre o noso alumnado estivo traballando, asistindo ás clases, progresamos no traballo das diferentes competencias básicas, continuamos traballando novos contidos adaptados a esta realidade e preparamos as probas ABAU. Convertemos o noso proxecto educativo en virtual e ao noso Centro presencial nun Centro virtual. Todo isto viuse complementado no acompañamento emocional aos vosos fillos e fillas, no contacto diario a través do teléfono, das reunións e das clases online, das diferentes sesións de titoría grupais e tamén acompañándovos a vós nesta difícil situación na que tivestes en moitas ocasións que asumir o voso traballo e  a colaboración nas aprendizaxes dos vosos fillos e fillas dunha forma máis directa.

O último período do curso é para nós, e para unha boa parte do alumnado, motivo de ledicia e sensación de traballo cumprido, é o momento en que pechamos moitos traballos que culminan o esforzo de todo un ano e, ademais, en condicións normais, habitualmente,temos moitas actividades: Día do libro, Xornadas da cultura, Os maios, As xornadas de lecer matemático, o Día do medioambiente, as viaxes dos maiores a París e Alemaña, as diferentes viaxes dos máis pequenos de infantil a 5º EP e as actividades de fin de curso. Algunhas delas puidemos celebralas igualmente (non deixedes de ver a páxina web e as nosas redes sociais)  e outras van pechar este ano diferente.

Por exemplo, o venres 5 celebraremos o día do Medioambiente, o venres 12 moitos grupos irán de viaxe virtual e a última semana realizaranse diferentes actividades que vos detallaremos na grella, ademais, de organizalas con todo o alumnado.

Todas estas actividades lúdicas desenvolvidas complementan o que foi este ano académico.

Todo este proceso revela que Galén é non só unha gran familia, tamén un gran equipo.

 

Nos vindeiros días trasladarémosvos as iniciativas que temos previstas de cara ao ano que vén no que o acollemento de todo o alumnado no Centro será a nosa prioridade xunto co mantemento da seguridade sanitaria.

 

Moitas grazas por confiar en nós e permitirnos colaborar na formación dos vosos fillos e fillas.

 

Raúl Pérez Grande

Director pedagóxico.