Ao longo destes días celebrouse no noso colexio a II Liga de Debate nos catro cursos da ESO. Foron os propios rapaces e rapazas os que propuxeron os temas a debater: “O papel dos maiores na sociedade” no 1º ciclo e “Vantaxes e inconvenientes de conducir aos dezaseis anos” no 2º ciclo. O funcionamento e a coordinación dos equipos de debate para elaborar e expoñer as argumentacións foi exemplar, e mostra da súa implicación en todo o proceso.
O alumnado de 1º e 2º de BAC que participou na Liga de Debate en Santiago a nivel autonómico -na cal obtiveron bos resultados, e unha mellor experiencia- exerceu de xurado para esta Liga no colexio, o cal valorou e aconsellou aos distintos cursos sobre o desenvolvemento dos debates. Ao mesmo tempo, transmitiulles a súa grata experiencia, animándoos a participar en cursos vindeiros como eles o fixeron neste.
Parabéns a todos os participantes e ánimo para as vindeiras edicións.