Os pasados días 24, 25 e 26 de Setembro o curso de 5º de E.P estivemos de estadía de outono no cole. Foron tres días de aprendizaxe, convivencia e moita diversión. O primeiro día chegamos con moita ilusión ao cole, deixamos os nosos vultos e partimos con ilusión cara á feira de Castro; visitamos o mercado gandeiro, fomos, tamén, mercar produtos artesáns e xa para rematar comemos o polbo. Foi unha experiencia moi tradicional e auténtica. Xa pola tarde tivemos un obradoiro no que fixemos o noso propio futbolín e despois dun longo e intenso día, película e a durmir….
O segundo día comezou da mellor maneira posible; elaborando sidra que despois puidemos degustar no xantar. Canto aprendemos sobre a orixe deste proceso de elaboración e que rica nos quedou, á tarde obradoiro de construción dun instrumento musical e mesmo construímos a nosa propia cidade sostible, pero despois de todas estas actividades non vos pensedes que xa estabamos cansos, aínda tivemos tempo para a festa de despedida; música e baile, gozamos moitísimo.
E comezou o último día, saímos a explorar a paisaxe, que sorte temos de vivir nun lugar tan fermoso! Rematou a estadía pero quedan en nós todas as vivencias e experiencias adquiridas durante estes tres días. Xa estamos desexando que chegue a seguinte !!