O pasado mes de outubro de 2016 daba comezo a primeira edición de Escola de Prensa do diario EL Progreso dirixida a todos os centros escolares da provincia de Lugo. Os representantes do Centro Educativo Galén neste proxecto foron os alumnos e alumnas do terceiro curso de Ensino Secundario, quen desde un primeiro momento mostraron o seu interese e compromiso nesta labor. Tras recibir as pertinentes pautas a seguir por parte dos xornalistas encargados da coordinación do proxecto, os alumnos e alumnas decidiron adoptar para a elaboración do mesmo a estrutura típica dun diario da forma máis fidedigna posible. Por iso, a clase distribuíuse en varias seccións tales como noticias locais, deportes, cultura, política, moda ou, mesmo, pasatempos. Unha vez dilucidado en que grupo se encadraría cada un dos alumnos e alumnas da aula iniciouse unha apaixonante tarefa xornalística caracterizada pola incesante procura de información sobre temas pasados ou actuais. Na maioría dos casos o esquema que seguiu cada unha das seccións foi moi parecido. Deste xeito, tras unha ardua actividade investigadora cada grupo procedeu a pórse en contacto, ben por vía telefónica, cibernética ou persoal, cos homes e mulleres que podían achegar a información que eles logo utilizarían para redactar os seus artigos. Posteriormente, o alumnado desenvolvía a transcrición previamente achegada polas vías amentadas para así poder calcular o espazo que ocuparían nas súas respectivas noticias, entrevistas ou reportaxes. Finalmente, os datos transcritos maquetábanse grazas ao programa informático Scribus facilitado polo diario EL Progreso, que adaptaba os contidos ao formato oficial utilizado polo devandito xornal.
O resultado final é unha edición de trinta e dúas páxinas, cuxa elaboración reportou un gran goce para o alumnado; o mesmo que esperamos lle achegue ao futuro lector.
Podedes descargar o xornal: