Boas tardes familias
Como sabedes, atopámonos nunha situación excepcional. Isto non vai impedir que deixemos a un lado o noso compromiso con vós e cos vosos fillos e fillas. Unha nova experiencia, unha oportunidade, un reto co que seguro aprenderemos novas vías de afrontar o noso traballo cotián e seguro que axudará a fortalecer os nosos cimentos. Así llo debemos transmitir aos nosos rapaces e rapazas, eles sempre son os protagonistas, o obxecto do noso Labor cotián, buscamos que se sintan responsables e partícipes, eloxiados polo gran esforzo que realizan. A solidariedade e responsabilidade son valores fundamentais e este é un momento crucial para exercitalas.
Non poder ir ao cole non vai supoñer que perdamos contacto nin que perdamos de vista os obxectivos xa marcados. Imos buscar conxuntamente novas fórmulas de comunicación, de xogos, de aprendizaxes. Para iso traballamos arduamente no uso de plataformas dixitais, a través das cales poderemos levar a cabo un traballo diario, o seu seguimento e, tamén, contacto.
Farémosvos chegar un documento para explicarvos paso a paso claves e procedementos. Propoñémosvos diálogo, interacción e coordinación, non deixedes de facernos chegar a través do correo, da plataforma ou doutro medio as vosas consideracións, dúbidas ou suxestións.
Temos moitas ideas para que os días de ”casa e zapatillas” sexan produtivos e a intención de atender, o máis axiña posible, as dificultades ou situacións especiais que poidan ir xurdindo. É unha situación inesperada e non desexada polo que esta semana intentaremos encaixar o bo funcionamento do que vos imos presentar, pedímosvos disculpas por adiantado.
É novo tamén para nós e estaremos sempre predispostos a facer as melloras que sexan necesarias.
Un saúdo e boa tarde.