Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Aos nosos avós e avoas.

Este 2020 veu repleto de incertezas, de novidades nunca desexadas, de confinamentos que nos afastaban do cotián tantas veces infravalorado… pero tamén de valores.
Aprendemos a apreciar a importancia dos abrazos, dos sorrisos sen teas, das caricias, das lerias ao carón dunha árbore, dos contos non escritos e, sobre todo, de sentirvos moi, pero que moi preto e sempre imprescindibles.
Si, sabemos que para vós non foi fácil. Algunhas e algúns tivestes que dalo todo para que mamá e papá puidesen seguir traballando e fostes o noso apoio coas tarefas en liña (Que difícil!), o noso consolo e a nosa alegría. Outros e outras, esperabades as nosas chamadas e vídeo conferencias para así confirmar que estabamos ben e podernos contar un pouco ese día a día ao que nos asomabamos a través dunha xanela. Pero sabiamos que dese xeito non habería distancia social, só física. Ao agarimo e á tenrura non se lle poñen barreiras por moito que os ventos sopren por proa.
Sentimos o voso medo, disimulado tantas veces, a este virus inxusto que ataca duramente a quen máis anos estiveron traballando e loitando polo mellor dos mundos pero, aínda así, enxugabades o noso con xestos e palabras de ánimo e de afecto.
Hoxe queremos expresarvos con este vídeo e a nosa canción en linguaxe sinado que ese alguén que ocupa un posto importante no noso corazón sodes vós : AVOA E AVÓ, sempre en maiúsculas.
Grazas de corazón e…
Feliz 2021!!

 

 

Seguinte