Estimadas familias,
Hai pouco vímonos abocados a unha situación nova para todas e todos, para nós, como institución e profesionais, e para vós, como familias. Esta extraordinaria situación provocada pola pandemia do Covid-19 colleunos a todos un pouco desprevidos. O xoves 12 de marzo a Consellería de Educación anunciaba nos medios o cese da actividade docente.
Ao día seguinte, venres, sen máis tardar, mentres unha parte do profesorado atendía ao pouco alumnado que asistiu ao Centro, outra parte estaba convocada e reunida, organizando e planificando como abordar o noso labor docente, como seguir asentando e afianzando destrezas e coñecementos no noso alumnado, como establecer este novo procedemento e como pautar os tempos da súa implantación. Para conseguir que o luns seguinte, 16 marzo, as clases na modalidade de teleformación estivesen en marcha foron moitos os cambios e o traballo que estivemos a realizar.
Todo isto era imprescindible dado que un dos nosos piares se resentía profundamente, o acompañamento emocional; nós necesitamos traballar en presenza, o noso labor está no día a día: en falar, en comprender, en escoitar, en empatizar con todos e cada un dos nosos alumnos e alumnas; os titores e titoras e todo o profesorado son o cerne do noso traballo cotián.
Os medios e procedementos que decidimos utilizar non son os mesmos para todas as etapas /cursos. En concreto:
En Ed. Infantil decidimos entrar nas casas a través do whatsapp e da nosa presenza física e virtual, a través de vídeos das profesoras saudando cada mañá ás 10.00 e despedíndonos cun vídeo-conto, en inglés, galego ou castelán, ás 17.00. Ademais, complementamos este proceso de presenza na casa cun reto e un challenge; todo isto xerou un retorno importante co que puidemos elaborar un vídeo final do traballo e manter os lazos virtuais. Decidimos, dado que todo isto se alongaba, abrir un blog de etapa no que recoller todo este traballo voso e noso, o que nos permitiría, ademais, un medio de comunicación máis efectivo con vós xunto co correo electrónico. Acompañamos este traballo máis pedagóxico con titorías telefónicas e vídeo-conferencias coas familias que nos permitiron acompañarvos. Que emocionante foi para nós e para os nenos e nenas!; todo isto se plasmou nunha asemblea virtual, entrañable que xa temos ganas de repetir.
Entre 1º e 4º de EP conectamos con vós e cos vosos fillos e fillas a través do voso correo electrónico e todos os días pola mañá enviamos o traballo a desenvolver no día. O traballo dos vosos fillos e fillas foi moi axeitado e o voso, tamén, mais valoramos buscar unha ferramenta máis visual que vos permitise ter todo nun mesmo espazo virtual, moito máis doado de acceder. Por iso creamos un blog por nivel e o retorno por correo electrónico, o que nos permite unha maior fluidez na comunicación. Contactamos con todos vós por teléfono e vídeo-conferencia, ademais das titorías virtuais o que nos permitiu achegarnos e estar aí presentes.
A partir de 5º de Primaria e ata BAC abrimos un espazo dixital na plataforma Edmodo e coordinamos e distribuímos o traballo. Isto permite que os rapaces e rapazas xa poidan eles e elas mesmos descargar, producir e reenviar o seu traballo. En BAC comezamos con clases online nalgunhas materias que se foron estendendo a medida que ían pasando os días a outras materias e nos diferentes niveis. O traballo máis pedagóxico viuse complementado cun seguimento persoal das tarefas a través das titorías con vós e cos vosos fillos e fillas.
Ademais, fixemos a avaliación con todos os datos recollidos ata o 12 de marzo, enviámosvos as cualificacións polos medios habituais e contactamos con vós para explicarvos estas e comentarvos as liñas de actuación cos vosos fillos e fillas.
A estrutura do noso traballo é sinxela pero de elaboración complexa. Os domingos pola noite recibistes ata agora e seguiredes recibindo unha grella coa planificación da semana, en todos os niveis e etapas, que iremos desenvolvendo durante a semana.
Buscamos e agardamos ter conseguido facer normal o que nunca pode ser normal para nós: a educación online, nós cremos profundamente na educación presencial en todas estas etapas educativas, no acompañamento emocional, na relación interpersoal e na interacción social diaria; estes son os alicerces do noso proxecto educativo.
A vosa implicación e resposta non podería ser máis grata e satisfactoria. Somos conscientes do gran labor que estades a realizar, atendendo ás vosas profesións, ás vosas empresas e aos vosos fillos e fillas, porque tamén nós nos atopamos na mesma inusual e en moitos casos desbordante situación. Así que, de corazón, todo o noso recoñecemento, comprensión e apoio.
Hai uns días remitímosvos unha enquisa sinxela para valorar esta situación e coñecer de preto, como nos gusta, a vosa opinión. Tras a análise das enquisas recibidas observamos con gratitude que o voso grao de satisfacción é moi alto. Asemade, aproveitamos as vosas suxestións e sumámolas aos nosos cambios para iniciar novas medidas orientadas ao fin principal da nosa profesión: aumentar a calidade da docencia online da que vós estades sendo cómplices.
A piques de rematar este “raro” período vacacional de Semana Santa queremos compartir convosco que seguimos inmersos nun constante plan de mellora.
Cara ao terceiro trimestre, con algo máis de información por parte da administración educativa, continuaremos avanzando nos contidos e profundando nas diferentes competencias, sempre adaptándonos ás circunstancias actuais. Todo isto debe ser un traballo planificado, organizado e asumible polo noso alumnado: continuaremos coas clases online en todos os niveis, realizaremos asembleas e titorías virtuais con todos os grupos, manteremos contacto con vós, contactaremos persoalmente co alumnado, realizaremos probas para poder medir e avaliar a súa evolución e traballaremos para conseguir o máis óptimo desenvolvemento das súas capacidades.
En resumo, seguiremos asomándonos ás vosas casas e acompañaremos emocionalmente ao noso alumnado neste tempo de confinamento, coa finalidade de que cando todo isto remate poidamos volver ao espazo habitual e que esta situación teña ningún ou o menor custo posible na evolución e formación integral dos vosos fillos e fillas, crendo profundamente na madureza e autonomía que todo o alumnado vai acadar nesta tempada.
Asumiremos máis retos, cada día de maior calidade, e continuaremos cun proceso do que a pesar das circunstancias e dificultades, sacamos e aproveitamos o máis positivo. Non deixamos nunca de aprender, esa é a maxia da nosa profesión, é o que alimenta a nosa vocación.
O luns recibiredes a grella de traballo e o martes retomaremos esta rara normalidade.
Coidádevos moito