Onte 2º de EP fomos de moenda!!.Levamos o noso trigo ao Muíño de Isabel en Goá, Cospeito. Alí a muiñeira explicounos a historia do muíño, o seu funcionamento e como fora restaurado para que puidese seguir facendo a súa función despois de séculos de utilización. Tamén nos falou da importancia de seguir cunha tradición tan antiga e dos diferentes tipos de trigo que son utilizados para conseguir unha boa fariña: o Caveiro e o Callobre. Unha vez que tiñamos toda a información, puxémonos ao choio, botamos o gran na moxega e esperamos a que a fariña fose caendo na peneira, onde se ía separando o salvado da fariña. Como queremos facer un bo pan integral, peneiramos tamén o salvado e o resultante mesturámolos coa branca fariña. Para rematar e facer unha boa ” muiñada”, fomos xogar, xantar e divertirnos moito a Muimenta. Foi un día completo, desde un autobús tipo “discoteca” ata o precioso sol que nos acompañou todo o día. Grazas Isabel, pola túa sabedoría e agarimo!!