Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

2º BAC en Madrid

Viaxe Madrid 2º BAC. Marzo 2019
As alumnas e alumnos de 2º BAC viaxaron a Madrid tres días, 27, 28 e 29 de marzo. Foron moi intensos,  con moitas actividades culturais e lúdicas e, tamén, con tempo para saír e divertirse. Pasárono.
O primeiro día estivemos en Alcalá de Henares. Paseamos por toda a cidade: Universidade e Paraninfo, onde se entregan os Premios Cervantes, a Casa de Cervantes, a Catedral…  Acompañounos  Nieves, unha guía excepcional.
Chegamos a Madrid e instalámonos no hotel, rapidamente pois tiñamos o tempo xustiño para chegar ao Teatro Nuevo Alcalá para ver Billy Elliot. É un Musical longo, pero gozámolo moito. É incrible a capacidade destes nenos e nenas tan pequenos para interpretar, cantar e bailar tan ben.
Despois, tivemos tempo libre para cear cos nosos compañeiros e compañeiras e dar un paseo por Madrid.
O Xoves foi un día intenso tamén. Acompañáronnos durante todo o día tres guías (Isabel, Nieves e Concha, eramos un grupo moi grande). Fixemos un Paseo a pé polo Madrid dos Austrias, comezando no Palacio Real e rematando na Praza Maior. Descansamos un ratiño, e logo tivemos a Visita ao Reína Sofía, no que nos centramos en Dalí, Miró e Picaso, ademais doutros pintores e escultores… Serviunos moito para lembrar todas as cousas que nos ensina Marcos en Historia e Arte. Despois de xantar e un pouco de tempo libre, dirixímonos ao Museo do Prado. Alí puidemos disfrutar de Velázquez, El Bosco, Rubens, Goya, Zurbarán, El Greco…, todo enmarcado no contexto histórico das distintas épocas e estilos.
E chegou a noite,   estivemos no Teatro Reina Victoria, coa obra Perfectos desconocidos… Rímonos moito, una comedia de enredo moi divertida.
Logo, tivemos tempo libre para cear cos amigos e amigas e saír pola noite (ata cediño).
O venres visitamos o Retiro con Concha, facía un día fantástico, ten moito que ver e pasear. A nosa última visita foi o Congreso dos Deputados, por certo, o hemiciclo é moito máis pequeno do que se ve na tele, moi interesante todo o que nos contaron.
E xa, regreso a Lugo, durmindo todo o camiño, estabamos cansos, pero contentos e coas pilas cargadas para afrontar con moitas ganas a última etapa do curso.
A dalo todo!!!

IMG-20190327-WA0010