Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Trevia presenta a exposición “Áreas Mariñas Protexidas”

Ata o 27 de xaneiro, Trevia está a organizar visitas guiadas para toda a Comunidade Educativa de Galén á exposición itinerante “Áreas Mariñas Protexidas”, cedida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), e que está situada na nosa aula de natureza. As familias podedes atopala aberta os martes e os xoves de 16:45 a 17:45.

Esta exposición posibilita a oportunidade de aprender o significado das Áreas Mariñas Protexidas (AMP) que na actualidade representan unha das principais ferramentas de xestión das pesqueiras, ao que se engade a súa importancia na conservación da biodiversidade.

O percorrido por esta exposición presenta varios obxectivos:

– Sensibilizar ao redor da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso espiritual, cultural e económico.
– Dar a coñecer a figura das Áreas Mariñas Protexidas como eficaz estratexia de conservación do mar e o litoral.
– Sinalar o papel que cada un de nós, cidadáns de todas as idades, pode xogar á hora de inclinar a balanza cara á conservación, ou non, do mar.

Na exposición poderedes atopar información sobre a situación actual das Áreas Mariñas Protexidas e outros temas ao redor delas. Esta información estrutúrase en catro bloques:

– Recursos do mar
– Problemáticas de conservación
– A pesca en Galicia
– As Áreas Mariñas Protexidas