Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Semana da Ciencia dedicada ao Cambio Climático

Comprender, investigar, experimentar e xerar pensamento científico foron os eixes fundamentais da Semana da Ciencia dedicada ao Cambio Climático en Galén.

Desde o 31 de Marzo ao 5 de abril, Galén desenvolveu unha Semana da Ciencia dedicada á divulgación científica sobre Cambio Climático.

Todos os nosos alumnos e alumnas de entre 3 a 17 anos, puideron dar a coñecer os proxectos de investigación científica, que ao longo do curso, foran realizando, de xeito interdisciplinar e global, sobre aqueles aspectos que nos permitiron coñecer e comprender activamente, a todo o centro, as características e a composición da atmosfera, a súa dinámica, os cambios producidos no último século e as consecuencias dos mesmos.

O Cumio do Clima en París, que se celebrou na capital francesa entre o 30 de novembro e o 11 de decembro e no que participan 195 países, abrindo unha nova oportunidade para frear o proceso de quecemento global, e polo tanto, reducir a posibilidade dun Cambio Climático inmediato supuxo para Galén unha nova oportunidade de implicar ao noso alumnado nesta ocasión histórica, desenvolvendo estratexias de investigación que permitiron ao noso alumnado ter unha visión máis realista do problema, así como, capacitalos para tomar decisións de responsabilidade ambiental na súa vida cotiá e no seu contorno máis próximo.

Os traballos realizados versaron sobre aspectos tan diversos como a composición da atmosfera, a presión atmosférica, a formación de anticiclóns e borrascas, a auga como factor regulador do clima no planeta, a análise dos gases emitidos polos tubos de escape dos coches, os simuladores de cambio climático, a investigación sobre consumo enerxético dos aparellos electrónicos, lampas, electrodomésticos, así como da pegada ecolóxica de cada un de nós sobre o planeta e as consecuencias do cambio climático e as alternativas cara a un desenvolvemento sostible que permitan frear ese proceso.

O resultado foi unha festa compartida, onde o coñecemento e a ciencia, permitiron a toda a Comunidade Educativa, os rapaces e rapazas, o persoal do centro e as familias, coñecer, de forma activa e directamente, unha realidade sobre a que todos nós debemos actuar de xeito responsable e inmediato na procura dun futuro sostible para todos e todas.