Historia

O Centro Educativo Galén iniciou a súa andadura no ano 2000, grazas á iniciativa dun grupo de profesionais do ensino con ampla experiencia, convencidos de que podían aportar á sociedade luguesa un novo xeito de entender a educación dende o ámbito privado e laico.

O que empezou sendo un soño ilusionante converteuse pouco a pouco nun proxecto real e sobre todo nun reto ao ir sumando vontades e apoios de distintos sectores.

Constituíuse a Promotora Educativa Lucense como unha sociedade limitada laboral, da que forman parte traballadores do Centro, pais de alumnos, pequenos empresarios, familiares e amigos, coa intención de construír un edificio e dotalo suficientemente para dar un servizo educativo de calidade á sociedade de Lugo. A maior parte do capital da empresa pertence aos traballadores de Galén, que ostentan a dobre condición de socios e traballadores do Centro.

Ademais do Centro Educativo Galén forman parte da Promotora Educativa Lucense a Escola de Música Cantarela e a Aula da Natureza Trevia.

Desde un principio entendemos a Galén non só como un colexio, senón como un Centro Educativo cun proxecto innovador e diferenciado no que o alumnado reciba un trato personalizado, nun ambiente familiar co obxectivo de facer persoas felices e seguras que saiban valorarse e respectarse a si mesmas e ás que a rodean.

Galén é un nome composto dun G que nos indica de onde partimos, Galicia, o noso contorno, o máis próximo aos rapaces e rapazas; e de alén, que en galego significa “máis ala”, é dicir, España, Europa, o noso planeta. O noso alumnado iníciase no estudo do máis próximo, aprende co máis inmediato para despois proxectarse ao mundo e poder sentirse parte del.

Durante estes anos Galen foi medrando e actualmente somos un Centro consolidado que contribuíu e contribúe á formación académica e humana de moitos rapaces e rapazas.

Son xa moitas promocións de alumnos e alumnas que remataron a súa etapa educativa con nós, e que na actualidade están a percorrer o seu camiño ampliando a súa formación ou desenvolvendo o seu traballo. Rapaces e rapazas, homes e mulleres que formarán sempre parte da familia Galén.