Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

Compromiso social

Vivimos nun mundo globalizado que presenta retos á sociedade e en consecuencia aos centros educativos. A participación e a colaboración aparecen como retos cada vez máis importantes na sociedade actual, e o futuro da educación está orientado á implicación dos centros educativos nas comunidades socioculturais. Non só porque “a unión fai a forza” e co aporte de todos obtense máis facilmente un obxectivo común, senón porque se dá a cada un a oportunidade de exercitar as súas competencias e iniciativas e de asumir activamente as súas responsabilidades. Entendemos a participación como principio esencial e como necesidade de colaborar e traballar en equipo de maneira interna e externa ao centro.

O Centro Educativo Galén implícase activamente na busca do benestar común, e contribúe a conseguir unha sociedade máis xusta. Galén está plenamente vinculado e comprometido co seu entorno social e natural. Son numerosísimas as actividades de carácter social, cultural, medioambiental e institucional que se poñen ao alcance do alumnado.

Desde o Centro, trabállase para que os alumnos e as alumnas sexan conscientes de que forman parte dunha sociedade que necesita xente responsable e acércase o alumnado á realidade próxima en canto a necesidades, falta de recursos. Todas as iniciativas materialízanse de modo activo en todos e cada un dos cursos das diferentes etapas educativas.

O noso proxecto educativo, tamén, fomenta o compromiso social que os alumnos deben desenvolver na súa vida. Incentívanse valores sociais : cortesía, orde, espírito dialogante, moderación, prudencia, empatía … e todo isto articulado en torno a grandes valores morais universais como a tolerancia, a solidariedade, o respecto, a honradez, a responsabilidade e o esforzo.

Galén participa de diferentes proxectos solidarios dentro do acordo firmado entre o Centro e UNICEF. O obxectivo é concienciar e implicar a todo o alumnado na cooperación e concienciar para acabar coa desprotección dos que posúen menos recursos na nosa sociedade.

Colaboramos co Banco de Alimentos na recollida anual de alimentos e coa Asociación de Veciños da Milagrosa na recollida de roupa e xoguetes.

Celebramos de forma significativa o 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, e o 8 de marzo, Día da muller.

O 20 de novembro elaboramos actividades ao redor dos dereitos do neno e o 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz.