Rúa Xián 8, 27296. Lugo, Galicia

II Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz

Parabéns a Natalia González Gómez, alumna de 1º de Bacharelato, que acaba de gañar o 3º premio de poesía  a categoría de 13 a 17 anos, no II Certame de Debuxo e Poesía Avelino Díaz, convocado polos Concellos de Riotorto e Meira, en colaboración coa Asociación Cultural Avelino Díaz, en honra ao poeta meirao do mesmo nome. Deixámosvos a composición coa que foi galardoada.

 

LUGAR DE INSPIRACIÓN

 

Eu, que son as bágoas das montañas

que che calman a sede, menosprezada por despeito.

Que son o vento que te refresca,

miradas de desaprobación.

Que me manteño firme a cada crítica

e murmuran os meus vales que este verde

non existe máis alá.

Que sufrín, coma ninguén, guerras de fume e soidade

que nunca me neguei a ofrecer alimento

para os meus destrutores.

Que sentín escaseza de empatía

por voces alleas.

Eu, a máis forte, a que máis aguanta,

a que, en silencio, constrúe.

En silencio vivo morrendo, sen tranquilidade,

para unir só terra. Que só é terra, dixen!

 

Terra onde sementan e viven

comen e morren, sentan a observarme, terra.

Terra só, con seres e historias.

Terra, só iso, onde non existe máis ca unha cascada

e natureza -que fai pouco intentaron matar-

onde os sentimentos mestúranse, e buscan

saída, terra e opinións e preguntas

que non responderei.

Só iso, un segredo

escondido no espazo desta terra.

Entón aí, dende un recanto, que non é recuncho,

senón Galiza, encontro sombras que

nunca vin lucir.

Algunha vez viches unha sombra lucir?

Segredos de Galiza, un lugar de inspiración.

 

Seguinte